O venres  11/01/2019, publicouse no DOG unha resolución da D.X. de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias pola que se declarou a presenza de 5 novos positivos do nematodo do piñeiro.

Esta resolución amplía a zona demarcada (ZD) (mapa) declarada previamente, afectando a un total de 25 concellos (relacionados no anexo II da resolución) e estendendo a esta área as medidas ou restricións preexistentes para a comercilización de piñeiro que afectaban á actividade dos serradoiros e rematantes. Os novos concellos afectados na súa totalidade son: Baiona, Gondomar, Guarda (A), Nigrán, Oia, Rosal (O) e Tomiño. Ademais, en Vigo aumentan o número de parroquias incluídas e Tui, que tiña algunhas parroquias afectadas, pasa a estalo na súa totalidade.

Como consecuencia, establecéronse as seguintes medidas de erradicación:

  • Establecer unha zona de de corta obrigatoria: área de 100 m arredor de cada unha das árbores positivas onde se erradicarán tódalas especies sensibles (piñeiros), sanas ou sintomáticas. O anexo III da resolución, relaciona as parcelas afectadas. O permiso de corta débese solicitar nun prazo de 10 días a partir de hoxe. As cortas deberán estar executadas antes  do día 1 de abril de 2019. En caso contrario a Administración procederá a executalas de forma subsidiaria.
  • Os propietarios ou administración implicadas terán a obriga de eliminar tódalas árbores sintomáticas, decaídas ou afectadas por incendios forestais ou tormentas na franxa demarcada, de xeito inmediato se as árbores aparecen do 1 de abril ao 30 de outubro e antes do día 1 de abril se aparecen fora dese período.

As condicións para o traslado de madeira e  cortiza sensible (excepto as embalaxes) son as seguintes:

  1. Ser sometida a tratamento térmico axeitado nunha instalación de tratamento autorizada, onde acada unha temperatura mínima de 56ºC  durante ao menos 30 minutos por toda a madeira e a cortiza, garantindo que están libres de NMP vivos e de vectores vivos.
  2. Ir acompañados de pasaporte fitosanitario
  3. Ser trasladados fora da época de voo do vector ou, salvo no caso de madeira totalmente descortizada, que teña unha capa protectora que garanta a imposibilidade de infestación polo NMP ou o seu vector á instalación de tratamento autorizada á menor distancia da Zona Demarcada.

Estes traslados serán obxecto de control periódico in sito polas autoridades competentes.

A madeira en forma de material de embalaxe poderá ser trasladada se cumpre coa norma NIMF-15 e leva as marcas correspondentes.

Tódolos serradoiros e industrias da madeira existentes na ZD deben estar rexistrados e autorizados, se queren sacar madeira da ZD. No caso das embalaxes as empresas deben estar rexistradas e autorizadas para colocar a marca NIMF 15 antes de sair da zona demarcada.