14/05/2019 – CONCELLO DE BETANZOS: ORDENANZA MUNICIPAL PARA A PROTECCIÓN E CONSERVACIÓN DE CAMIÑOS E VÍAS PÚBLICAS MUNICIPAIS EN RELACIÓN COAS OPERACIÓNS DE SACA DE MADEIRA

Rexistro de empresas madeireiras

As persoas físicas ou xurídicas que realicen actividades madeireiras no Concello de Betanzos deberán inscribirse nun rexistro para controlar o desenvolvemento destas actividades. Deberán aportar a seguinte documentación:

  1. Copia do DNI ou CIF
  2. Copia compulsada do seguro de responsabilidade civil e do último recibo pagado
  3. Listaxe dos vehículos e maquinaria a empregar nas operacións a desenvolver, detallando a marca, modelo, matrícula, PMA e tara de cada un.

Autorización

Unha vez inscritas no rexistro anterior, para as operacións de saca de madeira será obrigatorio presentar con 15 días hábiles de antelación, unha solicitude de autorización conforme ao modelo do Anexo II da ordenanza. Na solicitude deberán constar os seguintes datos

  1. Datos de identificación do madeireiro e do propietario forestal:
    • Persoa física: nome, apelidos, NIF, enderezo e teléfono
    • Persoa xurídica: razón social, CIF, enderezo, teléfono, nome, apelidos e NIF do representante da empresa.
  2. Datas previstas do inicio e remate dos traballos de saca de madeira
  3. Nome da persoa titular ou titulares da parcelas afectadas polo aproveitamento
  4. Identificación das fincas ou montes afectados, lugares e parroquia onde se sitúa
  5. Lugar ou lugares previstos para depósito de madeira á espera da súa carga.
  6. Camiños e vías a empregar nas operacións de saca e transporte de madeira.
  7. Declaración responsable do madeireiro de compromiso a repoñer os danos e retirada de restos de biomasa e outro tipo de lixo

Xunto coa solicitude deberase achegar a seguinte documentación:

  1. No seu caso, fotocopia da solicitude de autorización para aproveitamento madeireiro, ou da notificación, ante o organismo que corresponda, de conformidade co disposto na Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.
  2. Cando sexa o caso, copia das autorizacións sectoriais precisas
  3. Plano indicativo dos camiños e vías para empregar nas operacións de saca de madeira e das zonas elixidas para depósito de madeira

Unha vez presentada a solicitude, se xurdisen aproveitamentos concatenados de fincas non incluídas ao inicio, estas poderanse incorporar á solicitude inicial, sempre e cando se empreguen as mesmas vías de saca e os mesmos lugares de provisión inicialmente relacionados.

O madeireiro na súa solicitude entenderá que as vías públicas están en perfecto estado, agás que achegue unha reportaxe fotográfica do estado anterior das vías, que será comprobada polos servizos municipais. Posteriormente, tras a súa realización, achegará unha reportaxe fotográfica do estado de discrepancias da anterior.

Fianza

No suposto que non sexa titular de ningún seguro de responsabilidade civil que garanta a reparación dos danos que poida ocasionar con motivo das operacións de corta e saca de madeira, o madeireiro deberá constituír fianza en metálico ou aval bancario a favor do concello na contía seguinte:

  • Por tonelada de madeira extraída……………………………………………………. 1 €/t
  • Camiños e pistas, con pavimento de terra, balastro ou similar……………….. 1 €/m
  • Estradas, con pavimento de asfalto ou formigón………………………………… 2 €/m

As garantías devolveranse no prazo de 30 días, logo de informe favorable dos servizos técnicos municipais.

Entrada en vigor: 15/05/2019.

 

Texto completo publicado no BOP nº 90 do 14/05/2019