O presidente de Agalcari (Asociación Gallega de la Carpintería de Ribeira), Ramón Collazo Mosquera defende que a construción naval en madeira “debería ser un proxecto de país”. Según Collazo “o incentivo á construción destes barcos favorece unha silvicultura sustentable nos montes galegos, ao tempo que impulsa dous sectores estratéxicos para Galicia como son a industria forestal e a industria do mar”.

Nun audiovisual “Bateeiros de madeira, un exemplo de bioeconomía circular”, Fearmaga e a asociación Agalcari explican as vantaxes da construción de embarcacións en madeira así como o coñecemento que atesouran os carpinteiros de Ribeira no deseño e construción destas embarcacións.

Os barcos bateeiros son “a última aportación de tipoloxías de embarcacións que realizaron os carpinteiros de Ribeira ao riquísimo patrimonio marítimo flotante de Galicia”, segundo explica Ramón Collazo nesta colaboración con Fearmaga. Ademáis, “son barcos cunha pegada de carbono moi preto de cero e non presentan problemas para o despezamento, xa que o 100% das pezas son reciclables”, subliña.

O 70% das pezas dun bateeiro proceden dos montes galegos.

Nun barco bateeiro de madeira o 70% das pezas proceden dos montes galegos e o 30% da importación. As cadernas do barco, coñecidas como “costelas” fabrícanse en madeira de carballo. No interior da estrutura do barco utilízase o eucalipto para varios reforzos lonxitudinais, unha viga central que vai encabillada á quilla e ás cadernas, e tamén nos palmexares que son pezas encargadas de reforzar a estrutura en forma de costela da embarcación.

A estrutura externa do bateeiro vai forrada de madeira, dende o varadoiro cara abaixo o bateeiro vai recuberto de pino do país, “porque se comporta moi ben coa salinidade da auga e resiste o paso do tempo”.

Por último, onde se intercambia a auga doce coa salgada, “dende hai uns anos úsanse madeiras de importación coma a London”.

O futuro é de madeira

Este é o último audiovisual promovido por Fearmaga cos que se pretende difundir as diferentes etapas da construción dun barco de madeira dende o monte ata o mar.

O primeiro, “Mulleres na industria forestal: construíndo unha silvicultura moderna” repasa con Sandra Vázquez Agra o traballo nunha explotación forestal que aplica un modelo Xestión Forestal Sustentable para obter madeira de calidade para a construción de embarcacións.

O segundo audiovisual “Serradoiros para construir barcos de madeira” acompaña a José María Suárez Tuñas, da empresa galega Hijos de Vicente Suárez, no proceso de selección e aserrado das pezas para o barco. O terceiro audiovisual mergúllase nun estaleiro adicado á construción dun bateeiro de madeira.