Fearmaga difunde nun documento audiovisual a actividade dos serradoiros que transforman madeira para a construción de barcos. Actualmente, constrúense diferentes tipos de barcos para pesca, marisqueo e acuicultura. Una actividade da industria forestal que se caracteriza pola elevada especialización, a planificación e o traballo artesanal, xa que cada peza serrada debe ter unha forma específica.

Os traballos comezan nos aproveitamentos forestais coa selección da materia prima, xa que non todas as árbores serven para este uso. De feito, para cada peza do barco é preciso unha árbore cunha curvatura específica segundo o tipo de barcos (bateeiro, de marisqueo…) que se clasifica de xeito visual na finca forestal.

Un pino vale para unha peza determinada do barco e outro pino destinase a outra peza diferente. “Cada peza debe ser unha forma diferente. Nesta parcela forestal de 40 pinos, soamente seleccionamos 12 como aptos para serrar pezas para barcos”, explica José María Suárez Tuñas do serradoiro de Outes, Hijos de Vicente Suárez.

A rolla de madeira trasládase ao serradoiro en transporte forestal específico para lonxitudes amplas. Segundo o tipo de embarcación, sérrase en diferentes diámetros: “Hai unhas pezas que son mais delgadas cun diámetro de 30-40 que son para o banzo do barco, e despois hai outras pezas máis voluminosas de 50-60 que son para montar os cintóns e baradero”, explica Suárez Túñas.

A forma de serrar sempre é mesma, o que cambia son grosores das pezas porque “unhas van en 3-4 para obra morta, outra en 5 para o banzo e outras 10-12 para cintóns, baradero, cuerdas. Cada peza é específica segundo o que di o construtor”.

O ultimo paso é o secado, que neste caso non se realiza de xeito industrial senón que deben ter un  secado natural “estas pezas deben ter 6-7 meses de secado natural antes de ir para a montaxe” subliña o empresario.

O futuro é de madeira

Fearmaga realizou un conxunto de audiovisuais nos que, a construción dun barco de madeira é o fío condutor para presentar o impacto no territorio da industria forestal, a través dos aproveitamentos forestais, a transformación da madeira e a construción de barcos.

Unha iniciativa desenvolvida en colaboración coa Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), adscrita á Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Fearmaga  é  unha organización  sen ánimo de lucro que representa e  defende os intereses dos serradoiros e rematantes galegos. Desde a súa fundación, hai 40 anos, a federación promociona e impulsa a  competitividade de todas as empresas que forman este sector. Aglutina a preto de 350 empresas, o que representa ou 75% das rematantes de  madeira e das industrias de aserrado que dan emprego directo a 7.000  profesionais na nosa comunidade.