Participantes del curso

A Federación Empresarial de Aserraderos y Rematantes de Maderas de Galicia (Fearmaga) organiza o curso ‘Posta en marcha e mantemento da motoserra’ para os profesionais do sector forestal galego. A través de tres cursos de 20 horas de formación, mellorarase a capacitación profesional dos traballadores do sector no uso e mantemento deste tipo de maquinaria. Os cursos, que comezan hoxe en Santiago, estenderanse ata o 11 de e continuarán do 23 o 25 de xaneiro e do  26 ao 28 de febreiro.

Esta acción formativa ten como obxectivo cualificar ao persoal das empresas do sector forestal de Galicia con habilidades e competencias no manexo de maquinaria forestal, con formación específica sobre a posta en marcha e mantemento da motoserra. O curso inclúe formación práctica para realizar operacións de mantemento (como limpeza, engrase, afiado de cadeas, reparación e ensamblado) e recomendacións para a prevención de riscos laborais no manexo seguro desta maquinaria.

As normas de prevención de riscos laborais e de medio ambiente son un dos eixos do curso, debido a que as tallas e accións con motoserra son algunhas das actividades forestais que levan asociadas maiores riscos.

Un programa específico de formación para o sector forestal

Esta acción formativa enmárcase nun plan específico de formación de Fearmaga, destinado a acadar unha maior profesionalidade, produtividade e competitividade do sector forestal galego.

O plan formativo de Fearmaga inclúe diferentes accións formativas con temática demandada polo sector e que perseguen mellorar as habilidades e coñecementos na xestión de aproveitamentos madeireiros e na utilización de maquinaria forestal. Os cursos proporcionan ademais unha maior motivación aos participantes para o seu progreso na súa cualificación profesional e a promoción da cultura de prevención de riscos laborais no sector.

Fearmaga conta cunha ampla experiencia no desenvolvemento de accións formativas para as empresas do sector forestal e os seus profesionais. Conta con máis de dúas décadas de experiencia en formación forestal e, desde o ano 2015, é a única entidade do sector acreditada para impartir este tipo de accións formativas.

 Fearmaga é unha organización sen ánimo de lucro que representa e defende os intereses dos serradoiros e  rematantes galegos. Desde a súa fundación, hai case 40ª anos, a federación promociona e impulsa a competitividade de todas as empresas que forman este sector.  Aglutina a preto de 350 empresas, o que representa o 75% dos rematantes de madeira e das industrias de aserrado que dan emprego directo a 7.000 profesionais na nosa comunidade.