
A Federación Empresarial de Aserraderos y Rematantes de Maderas de Galicia (Fearmaga) imparte dúas novas convocatorias do curso `Realización de inventarios de vexetación’ para profesionais do sector forestal de Galicia. Trátase de dous cursos de 20 horas de duración cada un, que comezan hoxe e que se completarán en sesións formativas os próximos 21 e 28 de xaneiro e do 16 ao 18 de xaneiro.
O obxectivo desta iniciativa é cualificar ás empresas do sector forestal nas técnicas de mostraxe básica, uso de equipos e cubicación de madeira para a realización de inventario forestal. Esta acción tamén promove a implantación de sistemas de calidade e de xestión ambiental nas empresas, optimizando todos os seus procesos produtivos.
A metade desta acción formativa será práctica, na que os alumnos farán reformulo de parcelas de mostraxe, medicións e inventario de parcelas de piñeiro e eucalipto. Os profesionais do sector tamén descubrirán de maneira práctica o tratamento de datos obtidos nos inventarios e a xestión dos resultados.
Un programa específico de formación para o sector forestal
Esta acción formativa enmárcase nun plan específico de formación de Fearmaga, destinado a acadar unha maior profesionalidade, produtividade e competitividade do sector forestal galego.
O plan formativo de Fearmaga inclúe diferentes accións formativas con temática demandada polo sector e que perseguen mellorar as habilidades e coñecementos na xestión de aproveitamentos madeireiros e na utilización de maquinaria forestal. Os cursos proporcionan ademais unha maior motivación aos participantes para o seu progreso na súa cualificación profesional e a promoción da cultura de prevención de riscos laborais no sector.
Fearmaga conta cunha ampla experiencia no desenvolvemento de accións formativas para as empresas do sector forestal e os seus profesionais. Conta con máis de dúas décadas de experiencia en formación forestal e, desde o ano 2015, é a única entidade do sector acreditada para impartir este tipo de accións formativas.
Fearmaga é unha organización sen ánimo de lucro que representa e defende os intereses dos serradoiros e rematantes galegos. Desde a súa fundación, hai case 40ª anos, a federación promociona e impulsa a competitividade de todas as empresas que forman este sector. Aglutina a preto de 350 empresas, o que representa o 75% dos rematantes de madeira e das industrias de aserrado que dan emprego directo a 7.000 profesionais na nosa comunidade.