Fearmaga celebrou no centro escolar CEIP Virxe do Camiño de Rubiá (Ourense), unha sesión de contacontos infantís centrada no novo conto dos tres porquiños Maruxa, Xaquín e Fuco, no marco da celebración do Día internacional dos bosques.
A sesión, na que participaron medio centenar de escolares de educación infantil e primaria, estivo dirixida pola contacontos Cris de Caldas e o músico Xabi do Camiño. Baseada na nova historia dos tres porquiños creada por Fearmaga, mostrou aos máis pequenos a importancia dos bosques e a madeira para frear o cambio climático e descarbonizar a economía mediante a xestión sostible dos recursos forestais.
A iniciativa mostra a aposta de Fearmaga pola educación ambiental entre os máis pequenos e en especial no rural galego, onde se localiza o CEIP Virxe do Camiño de Rubiá, no corazón da comarca de Valdeorras.
Bosques e innovación. Novas solucións para un mundo mellor
A nova historia dos tres porquiños ‘Aventuras no bosque de Maruxa, Xaquín e Fuco’ serviu de fío condutor para explicar aos máis pequenos as mensaxes destacadas este ano pola Organización das Nacións Unidas con motivo do día forestal internacional: ‘Bosques e innovación. Novas solucións para un mundo mellor’. Desta forma, a sesión de contacontos transmitiulles os valores dos bosques para purificar o aire, frear o cambio climático e xerar alimentos, medicinas e materiais sostibles como a madeira coa que se constrúe a casa dos porquiños.
Encontro con empresas
Tras a finalización da sesión de contacontos infantís, o presidente de Fearmaga, Elier Ojea, desprazouse ata Villamartin de Valdeorras, onde participou nun encontro cos responsables das empresas do sector de Ourense. Alí analizaron o contexto económico actual e a conxuntura internacional que afecta ao sector, xunto a retos do sector como a subministración de madeira en Galicia e os novos proxectos da industria forestal que se van a instalar en Galicia.
Esta iniciativa conta con finanzamento da Xunta de Galicia.
Comentarios recientes