Fearmaga reuniu en Arcade (Pontevedra) a medio centenar de empresarios da provincia da industria forestal-madeira nunha nova xornada informativa centrada na prevención de riscos laborais no sector forestal, co obxectivo de traballar pola sinistralidade cero.
O encontro tivo lugar o día antes do Día Mundial da Seguridade e Saúde Laboral, e no comezo dunha semana no que a Federación participará nunha xornada monográfica organizada polo ISSGA en Lugo. Fearmaga fixo entrega aos asistentes de novos materiais elaborados pola federación, unha serie de pegatinas e trípticos informativos en materia de saúde e seguridade laboral e dirixidos tanto a traballadores como a empresarios do sector.
As pegatinas, que conteñen recomendacións sobre o uso de maquinaria ou a prevención no uso de biocidas, están deseñadas para o uso en centros de traballo e nas actividades forestais no monte. Pola súa banda, os trípticos tratan de implicar aos traballadores na cultura da prevención e concienciar aos empresarios das graves consecuencias que se poden derivar da falta de prevención e control en materia de riscos laborais.
O encontro contou coa participación do presidente de Fearmaga, Elier Ojea, que clausurou o acto e recordou aos asistentes a necesidade de seguir traballando co obxectivo de acadar a sinistralidade cero no sector.
Compromiso coa prevención de riscos laborais no monte
A través destas xornadas informativas, Fearmaga continúa co seu compromiso pola sensibilización sobre a prevención de riscos laborais en sector. No ano 2022 puxo en marcha a campaña ‘Sinistralidade 0.0 no sector forestal’ no que a través de microvídeos traballadores do sector analizaron situacións reais no monte durante os traballos dos aproveitamentos forestais. Os vídeos poden visualizarse na canle de Youtube de Fearmaga.
Esta iniciativa desenvólvese coa financiación da Xunta de Galicia.
Comentarios recientes